11-07-2017
Lanzamento do Proxecto MarRisk
O día 11 de xullo, o grupo REDE participou na
reunión de lanzamento do proxecto MarRisk, que tivo lugar no Centro de Estudos
Avanzados en Santiago de Compostela. MarRisk, proxecto enmarcado na
convocatoria de Cooperación Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal
(POCTEP-INTERREG), pretende asegurar un crecemento intelixente e sostible das
zonas litorais de Galicia e Norte de Portugal mediante a avaliación dos riscos costeiros
máis importantes nun escenario de cambio climático. Inundacións,
intensificación de eventos extremos, episodios de algas tóxicas ou erosión
costeira son exemplos de riscos a analizar co fin de mellorar a resiliencia dos
sectores económicos tradicionais e doutros sectores emerxentes como as enerxías
renovables mariñas. Desta forma, se mellorará a adaptación da Área de cooperación
ante posibles catástrofes e se desenvolverán aplicacións e servizos para garantir
unha resposta coordinada, xa que os riscos ambientais esixen un enfoque
tranfronteirizo. O proxecto ten un prazo previsto ata 2019.
Ao evento acudiron representantes do consorcio
formado pola Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático (Meteogalicia)
como socio coordinador do proxecto, dúas entidades de ámbito estatal: Agencia
Estatal Consejo Superior de Investigaciones Científicas-Instituto de
Investigaciones Marinas (IIM-CSIC) e Instituto Español de Oceanografia (IEO), outras
tres organizacións galegas: Centro Tecnológico del Mar (Fundación CETMAR), Instituto
tecnolóxico para o control do medio mariño de Galicia Galicia (INTECMAR) e Universidade de Vigo, representada
por catro grupos de investigación –EPhysLab, GEOMA, Divulgare y REDE– así como
seis entes portugueses: Instituto Português do Mar e da Atmosfera (IPMA),
Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental (CIIMAR),
Universidade do Minho, Universidade de Aveiro, Agência Portuguesa do Ambiente
I.P (APA I.P.) e Instituto de Engenharia de Sistemas e Computadores, Tecnologia
e Ciência (INESC TEC).