21-10-2020
REDE participa no Evento Internacional Transfronteirizo de peche do proxecto MarRISK
Os días 19 e 20 de outubro, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela,
tivo lugar o Evento Internacional Transfronteirizo de peche do proxecto
MarRISK. En dito evento contouse coa participación dos distintos socios do proxecto,
entre os que se encontra o grupo de investigación REDE, así como de
stakeholders e observatorios oceánicos.
Na primeira xornada, contouse coa
intervención de representantes de distintos observatorios oceanográfico costeiros
de España e Portugal (RAIA, SOCIB, Ocaso, Plocan, Euskoos e Madeira). Estes
observatorios, que se encontran en distintas fases de desenvolvemento, puideron
intercambiar experiencias e reflexionar sobre os seus futuros desafíos e
oportunidades.
A segunda, e última xornada, centrouse na presentación dos principais
resultados de MarRISK. Este proxecto, enmarcado na convocatoria de Cooperación Transfronteiriza
Galicia-Norte de Portugal (POCTEP-INTERREG), pretende asegurar un crecemento intelixente
e sostible das zonas litorais de Galicia e Norte de Portugal mediante a avaliación
dos riscos costeiros máis importantes e a mellora da resiliencia nun escenario
de cambio climático.
Neste contexto, Carlos Rodríguez, responsable da Unidade de Transferencia e
Apoio á Investigación de REDE, expuxo os traballos realizados polo grupo de
investigación, coa inestimable colaboración da Autoridade Portuaria de A
Coruña, no marco da actividade 3 deste proxecto, consistentes no desenvolvemento
dunha ferramenta para a mellora da adaptación ao cambio climático do Porto
Exterior de A Coruña. Esta ferramenta, con potencial de ser extrapolada a outros
portos, permite identificar a marxe de mellora, en termos de adaptación, e
focalizar os esforzos para a mellora da resiliencia do porto nun contexto de
Cambio Climático.
Seguidamente, tivo lugar a intervención de Andrés Guerra, xefe do
Departamento de Sostibilidade da Autoridade Portuaria de A Coruña. Na súa
presentación, destacou a utilidade de dita ferramenta, así como as medidas
implantadas trala súa aplicación con resultados positivos na mellora da capacidade
de adaptación.